¿Es la renta básica una solución válida para los jóvenes desempleados?
Prezado Miguel:
Quero, para comezar, pedirlle desculpas pola miña tardanza en respostarlle. Ata hoxe mesmo tiven moitos problemas para entrar na miña ficha en "Osoigo".
En canto á súa pregunta, o BNG ten posto de manifesto, en innumerábeis ocasións, a necesidade de que se tomen medidas urxentes por parte dos distintos Gobernos para evitar, ou cando menos paliar, o risco de exclusión social que sofren miles de persoas dentro do Estado español.
Para nós, as medidas principais teñen que ir dirixidas á creación de emprego, e de emprego de calidade, de maneira que as persoas poidan desenvolver en condicións dignas a súa vida. Como vostede saberá, nos últimos anos incrementouse dun xeito alarmante o número de persoas que, aínda tendo traballo, son incapaces de chegar a fin de mes ou de atender as facturas dos servizos máis básicos.
A maiores, para xóvenes e menos xóvenes, sí que hai que artellar medidas que eviten que ninguén caia na pobreza e na exclusión social e aí é onde debe encadrarse unha renda social destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles. No BNG denominámola Renda de Garantía Social, un concepto que cremos máis realista na súa concreción práctica no curto prazo que o concepto de renda básica tal e como se ven entendendo.
Evidentemente, sexa renda básica, renda de garantía social ou como queira que se denomine, dificilmente se podería poñer en marcha si o principal obxectivo do Goberno sigue a ser a estabilidade orzamentaria, si se continúan desmantelando os servizos públicos ou si, por exemplo, a prioridade sigue a ser o pago da débeda e dos xuros da mesma. Está claro que isto entra en confronto coa atención ás persoas e, sobre todo, ás máis vulnerábeis.
Miguel, agradézolle a súa pregunta e agardo ter aclarado as súas dúbidas.
Saúdos cordiais.
Compartir